Nós

Unha das maiores e máis repetidas falacias que se escoitan por aí é isa que di que todas as opinións son respectables…

Grande erro…Confúndese o respecto ao dereito a expresar opinións co respecto ao contido das mesmas. Non estaría de máis lembrar ao vello Voltaire cando dicía aquilo de “detesto o que dis pero defendería ata a morte o teu dereito a dicilo”.

As opinións están para ser criticadas, analizadas, fundamentadas…hai que darlles a volta e miralas por todos os costados…e as que resistan merecerán provisionalmente o noso respecto.

Malia levarmos uns cantos anos de democracia carecemos dunha verdadeira cultura de debate. Baixo esa denominación agóchanse con frecuencia os berros, os insultos, as aldraxes, a simple reiteración dos propios puntos de vista, os “slogans” do políticamente correcto…cando non directamente o lixo co que nos obsequian os medios de comunicación.

Precisamos espazos e tempos para a reflexión, para o diálogo sosegado, para o exercicio consciente da nosa condición de cidadáns libres e racionais.

Este Ateneo que nace é a nosa aportación a esa tarefa. Somos un grupo aberto a todas as persoas. Non pedimos ningunha credencial nin outorgamos certificacións de nada. Ofertamos a posibilidade de transformar a información en coñecemento, a certeza en interrogación, a convicción en exercicio de pensamento…

Se queres compartir algún destes obxectivos…este pode ser un bo lugar para ti.

0 comentarios:

Publicar un comentario